domingo, 31 de julio de 2011

Ofelia Rey Castelao: premio María Josefa Wonenburger 2011

O ámbito das Humanidades e, especialmente, o da Historia recibiu unha magnífica nova a semana pasada ao coñecerse que o premio María Josefa Wonenburger 2011 foi concedido á Dra. Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela.

Dende aquí queremos felicitala por esta merecidísima distinción xa que, ademais de ser galardoada unha dilatada carreira investigadora de primeiro nivel, prémiase o seu traballo en prol da investigación e a divulgación da historia de xénero. Unha historia que reivindica o papel das mulleres como suxeitos da Historia, apostando pola necesidade de incorporalas, como obxecto de estudo, ao quefacer historiográfico xeral.

Noraboa!

--
Miguel García-Fernández

miércoles, 27 de julio de 2011

Recoñecemento Horas de Formación do Profesorado

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia finalmente recoñeceu 12 Horas de Formación do Profesorado aos asistentes ao I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia http://www.edu.xunta.es/web/node/2868

Segundo nos comunican, este recoñecemento, que estará dispoñible a partir de SETEMBRO, só será efectivo para o persoal funcionario que xa aprobou as oposicións e está traballando.

Atentamente,

Tríada


domingo, 24 de julio de 2011

A necesidade dunha Academia alternativa para Galicia

Inmersos en pleno século XXI, parece que a Real Academia Galega (RAG) decidiu continuar coa liña das academias decimonónicas para seguir sendo un selecto clube de señores respetables. Nin as voces de hoxe en día, nin a experiencia e as palabras dunha autoridade como dona Emilia Pardo Bazán (http://www.culturagalega.org/album/docs/38_doc_02.pdf), parecen ter efecto entre o grupo de socios (homes), que convidan aos seus amigos (homes) para formar parte dunha institución que, sendo de homes, di querer representar a tódolos/as galegos/as (ou galego-falantes). Para min, algo non concorda.

É certo que, entre as cadeiras dos socios numerarios (e quixera remarcar o masculino), aparecen algúns nomes femininos (http://www.realacademiagalega.org/academy/FindComposition.do), pero son a excepción. Quen me pode explicar o motivo de tal sub-representación? 

Acaso non hai mulleres galegas con méritos suficientes?

Non é esta a pregunta que quixera formular... mellor a seguinte:

Acaso non hai mulleres galegas que merezan tanto ou máis unha cadeira que algún dos homes que está aí?

Dende logo, non creo que este tema se resolva procurando a paridade entre homes e mulleres. Non se trata de pedir que o 50 % das cadeiras sexan para homes e o 50 % para mulleres. Non! Iso sería unha maquillaxe absurda do "politicamente correcto".

Entendo que as Academias son selectos clubes nos que ingresan persoas que aportan algo ao obxectivo último co que se crea esa institución, polo tanto, é o criterio individual o que deberiamos seguir e ter en conta. Daquela, non hai mulleres con méritos suficientes para entrar na Real Academia Galega? Non hai mulleres que contribuíran a consolidar o galego como lingua? Acaso non temos escritoras? Non hai investigadoras que publican en galego e imparten as súas conferencias na nosa lingua? Quedándome na casa... xa entre as convidadas ao "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia" podería citar algún caso.

Vendo todo isto, parece que o galego é un mundo de homes. E despois eses Académicos din que o galego é a súa lingua materna? Incluso eles mesmos terán o atrevemento de dicirnos a todos e todas que leamos en galego, que escribamos na nosa lingua, que é o noso patrimonio cultural, un patrimonio de todos/as... bla, bla, bla... "Real Atrevemento Galego", non si? De novo, teño a sensación de que algo non vai ben...

Solucións?

De momento o silencio. Silencios que me parecen de extrema gravidade cando proveñen desas Institucións democráticas que din que nos queren representar a tódolos/as galegos/as.

Só algunhas voces femininas parecen ser firmes na súa protesta e... non é hora de xuntar as voces masculinas a este discurso de reivindicación? A falta de representatividade ou visibilización social é un problema de todos/as, de homes e de mulleres...

Que nos queda ante o silencio dos demais?

Calar?

Pactar uns mínimos?

Unha Academia Galega Alternativa?

Talvez o que temos que facer é crear outras academias diferentes e verdadeiramente representativas (con mulleres e con homes nas súas cadeiras). Ao mellor así, a RAG verá cal pode ser o modelo a seguir... Crear Academias sobre a nosa lingua, sobre a nosa historia, sobre o que queiramos... pero que procuren ver a homes e a mulleres como persoas por igual.

Eu proporía unha Academia Galega de Estudos das Mulleres, unha institución na que tanto mulleres coma homes poderiamos estudar o papel das mulleres e das relacións de xénero no noso pasado e no noso presente nos máis diversos campos. Porque as mulleres e os homes convivimos, coexistimos, dialogamos... en definitiva, formamos parte da mesma sociedade.

Miguel García-Fernández