miércoles, 30 de marzo de 2011

Nota Informativa

Para axilizar o proceso de entrega da documentación e control de firmas pídese a tódal@s asistentes que procuren ir chegando uns 15 minutos antes da hora prevista para o inicio das sesións.

Moitas grazas a tod@s pola colaboración.

No programa incorporado no blogue poderán consultarse os eventuais cambios nos horarios.

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración das

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua

lunes, 28 de marzo de 2011

Pilar Cagiao Vila

O venres 8 de abril a Dra. Pilar Cagiao Vila presentará ante os asistentes ao "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia" o relatorio "De viúvas de vivos a protagonistas das migracións: as mulleres galegas en América".

PILAR CAGIAO VILA é Profesora Titular de Historia de América na USC e, actualmente, directora do Centro Interdisciplinario de Estudios Americanistas “Gumersindo Busto” desa Universidade. Entre as liñas de investigación que desenvolve destacan as relativas ós movementos migratorios e ás relacións culturais entre España e América. É autora de libros como Muller e Emigración (1997) ou Os galegos de Ultramar: de emigrados a inmigrantes (2007); co-autora con M. L. Pazos de Os Galegos e o mundo colonial americano (2007) e, con X. M. Núñez Seixas, de Galicia e o Río da Prata (2007). Ademais, coordinou distintas publicacións sobre temática migratoria como Galegos en América, “americanos” en Galicia, as colectividades inmigrantes en América e a súa impronta na sociedade galega (séculos XIX e XX) (1999), O Exilio Galego (2006, co-ed. con X. M. Núñez Seixas), De raíz profunda: Galicia y lo gallego en Cuba (2007, co-ed. con Sergio Guerra); así como outras relacionadas coa historia cultural latinoamericana: Cien Años de la Biblioteca América (2004); Aproximación al americanismo entre 1892 y 2004 (2006, co-ed. con E. Rey Tristán); De ida y vuelta. América y España: los caminos de la cultura (2007, co-ed. con E. Rey Tristán). Na súa actividade docente, iniciada en 1986, dirixiu varios traballos de investigación e teses doutorais e, como profesora invitada, impartiu cursos nas Universidades Portucalense de Porto, París VII, e varias latinoamericanas. Foi directora do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, a cuxa comisión técnica continúa pertencendo, e é co-editora da revista Estudios Migratorios (CCG-USC).

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración das

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua

Isaura Varela González

A Dra. Isaura Varela González presentará no "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na historia de Galicia" o relatorio titulado "Vicio clandestino e mulleres marcadas. A prostitución feminina no século XIX e principios do XX".

ISAURA VARELA GONZÁLEZ é licenciada con grao en Filosofía e Letras, sección Historia (1977), pola Universidade de Santiago de Compostela. Acada o grao de Doutora por esta mesma Universidade dez anos despois e pasa a desempeñar diferentes cargos no Departamento de Historia Contemporánea: Axudante de clases prácticas (1977-1985), Profesora Colaboradora (1985-87), Titular Interina (1987-89) e, finalmente, Profesora Titular. Foi coordinadora da Área de Historia Contemporánea (1990-92) e ten participado en diversos proxectos de investigación, entre os que destaca o Proxecto Historga, do que é directora dende 1987. Así mesmo, ten participado en diversas reunións científicas e coordinado algunhas, ademais de ser a presidenta do Seminario de Fuentes Orales da Universidade Complutense (2000-01). Entre as súas publicacións sobresaen: La Universidad de Santiago (1900-1936). Reforma universitaria y conflicto estudiantil (1989), “Aproximación al estudio de la población universitaria de Santiago. Siglo XVIII” (Las universidades españolas e hispanoamericanas durante la Edad Moderna. Claustros y Estudiantes, 1989), “A incorporación da muller e os inicios do asociacionismo estudiantil na Universidade (1890-1936)” (Gallaecia Fulget [1495-1995], 1995), “Las estampas obscenas de la Rúa del Villar (1828-1833)” (A Patria Enteira, 2008) ou “Casas de mancebía y meretrices callejeras: un espacio clandestino en Santiago durante el s.XIX” (Sémata, 2009).

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración das

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua

Juan M. Monterroso Montero

O Dr. Juan Monterroso Montero presentará o xoves 7 de abril o relatorio "Cando un ai! é un argumento e unha bágoa, unha demostración... catro séculos de calada presenza a través da arte galega".

JUAN M. MONTERROSO MONTERO é Profesor Titular de Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Ata o 2002 foi Profesor Titular de Conservación do Patrimonio, Historia da Arte e Deseño na Universidade de A Coruña. Na actualidade é o Decano da Facultade de Xeografía e Historia, onde foi director do Departamento de Historia da Arte entre 2003-2008 e, dende 2003, coordina o grupo de investigación Iacobus (GI-1907). A súa labor docente e investigadora vinculouno especialmente con todo o relativo á arte galega durante a Idade Moderna e ó Patrimonio Cultural. Ten publicado diferentes artigos e monografías sobre a conservación do patrimonio, a actividade pictórica en conxuntos monásticos e catedralicios, a iconografía mariana, o Camiño de Santiago e a catedral compostelana, a literatura emblemática e a súa repercusión na cultura moderna, a teoría, protección e xestión do patrimonio cultural, e a historia da moda e o deseño industrial. Así mesmo, impartiu cursos e conferencias en diversas universidades e centros de investigación de España, Portugal, México, Arxentina, Brasil, Francia e Polonia. Ten participado como profesor invitado en cursos de posgrao e máster. Tamén foi o responsable de diversas exposicións que tiñan como tema central a cidade ou o Camiño de Santiago e a arte galega: Gallaecia Fvlget; Galicia Renace; Todos con Santiago. Patrimonio eclesiástico; Compostela: Autorretrato; Europa fue Camino; Santiago desde la Memoria; Alfonso Costa. A Vertixe na Mirada; Accións Estratéxicas da Diputación Provincial de A Coruña; Goya-Dalí; ou Santiago, punto de encuentro.

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración das

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua

Blanca Verdía Barbará

A Dra. Blanca Verdía Barbará presentará o relatorio "A incorporación das mulleres victorianas ao mundo académico: o exemplo de Jane Ellen Harrison" no "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia", mostrándonos como a historia das mulleres e do xénero realizada dende Galicia tamén mira cara o exterior.
.
Blanca Verdía Barbará é licenciada en Historia (coas especialidades de Arqueoloxía, Prehistoria e Historia Antiga) pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 2004. Obtivo o Diploma de Estudos Avanzados no 2006, trala realización do Traballo de Investigación Tutelado “La antropología victoriana y el estudio de la religión griega antigua: Jane Ellen Harrison”, e recentemente, no 2010, o título de Doutora, trala presentación da súa tese “La antropología victoriana y el estudio de la religión griega”. Aínda que vinculada ao Departamento de Historia I da Universidade de Santiago de Compostela, en calidade de persoal docente e investigador en formación durante os Cursos Académicos 2007/08 e 2008/09, tamén realizou unha estancia de investigación na Facultade de Clásicas da Universidade de Oxford durante o 2008. Entre as súas publicacións, cabe destacar o artigo “Jane Ellen Harrison: una mujer en el mundo académico victoriano”.

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración das

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua

Mudanzas de última hora

A Dra. María del Carmen Rodríguez González non poderá asistir ao "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia" por motivos persoais. Daquela, a mañá do xoves 7 de abril quedará reestruturada como se indica a continuación:

9:30: "A imaxe da muller na arte baixomedieval galega". Marta Cendón Fernández

10:30: "A Historia das Mulleres dende o IEGPS: proxectos e resultados. O caso das mulleres xudías medievais". María Gloria de Antonio Rubio.

11:30 - 12:00: Descanso

12: 00: Comunicacións

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración das

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua

miércoles, 23 de marzo de 2011

Inauguración do I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia

A inauguración do I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na historia de Galicia, que se celebrará os próximos días 6, 7 e 8 de abril en Santiago de Compostela no Salón de Actos da Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos), contará coa presenza da Secretaria da Facultade de Xeografía e Historia da USC dona María Pilar Rodríguez Álvarez, a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia dona Marta González Vázquez -doutora en historia medieval e autora de obras como Las mujeres de la Edad Media y el Camino de Santiago (1989)-, a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela dona Trinidad de Miguel Bouzas e, en representación do Comité Organizador, dona Silvia Cernadas Martínez e don Miguel García-Fernández.

O comité científico do Encontro está conformado polos profesores Francisco Ramón Durán Villa, Profesor Titular da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, Domingo Luis González Lopo, Profesor Contratado Doutor da USC, Rocío Sánchez Ameijeiras, Profesora Titular da USC, Isaura Varela González, Profesora Titular da USC e Manuel Villanueva Acuña, Profesor Titular da USC.

Dende o comité organizador animámolos a compartir connosco estas xornadas.

Aurora Ballesteros Fernández, Silvia Cernadas Martínez e Miguel García-Fernández

Coa colaboración das

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua

viernes, 18 de marzo de 2011

María del Carmen Rodríguez González

A profesora Mª del Carmen Rodríguez González presentará o xoves 7 de abril no "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia" o relatorio "O papel das mulleres nas familias aristocráticas: un estado da cuestión".

Mª Carmen Rodríguez González é Catedrática de Escola Universitaria e Profesora Titular da USC na área de Historia Medieval. Ten participado en varios proxectos de investigación internacionais e interuniversitarios financiados pola DGICYT dende 1991 ata a actualidade. A súa investigación céntrase nos seguintes campos: señoríos monásticos, a ocupación e organización social do espazo na Idade media, antroponimia e sociedade, articulación e consolidación dos poderes feudais. Entre as súas publicacións cabe destacar: Economía y poder en el Bierzo del siglo XV. San Andrés de Espinareda (Santiago, 1992); “El papel de la aristocracia en las fundaciones y restauraciones monásticas en el Bierzo del siglo X” en Rudesindus. O legado do santo (Santiago, 2007); “El papel de los monasterios gallegos en la organización social del espacio berciano: San Julián de Samos (siglos IX a XIV)”, en Galicia monástica. Homenaje a Mª José Portela (Santiago, 2009); así como varios artigos escritos en colaboración con M. Durany, entre eles “Vilela, una aldea del Bierzo en la Edad Media (siglos X al XIII)”, en Paysages et Societés. Mélanges Geographiques en honneur du prof. Abel Bouhier (Poitiers, 1990) ou “Galicia desde o Bierzo. Proxección e diferencias na ocupación e organización do territorio” en Galicia fai dous mil anos. O feito diferencial galego (Santiago, 1997). Sobre o tema destas xornadas: “El papel de la mujer en la familia campesina berciana”, en Simposio Internacional Muller e Cultura (Santiago, 1993); “Concubina o esposa. Reflexiones sobre la unión de Jimena Muñiz con Alfonso VI”, en Studia Historica. Historia Medieval (Salamanca, 2007)

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración das

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua

lunes, 14 de marzo de 2011

Inscrición no I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia

Procedemento para matricularse no I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As Mulleres na Historia de Galicia (6, 7 e 8 de abril do 2011, Salón de Actos da Facultade de Filosofía, Praza de Mazarelos).

O custe da inscrición será de 10 €, que deberán ser ingresados antes do 30 de marzo no número de conta 0049 2584 90 2214002210 (Banco Santander). É fundamental que se poña como "Concepto": I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero e os seus datos persoais (apelidos, nome e DNI.)

Posteriormente deberán remitir un correo electrónico a xornadastriada@gmail.com indicando os seus apelidos, nome, DNI, licenciatura que estuda (imprescindible para a xestión do crédito) ou traballo que desempeña, se solicitan Crédito de Libre Configuración ou Horas de Formación do Profesorado -en proceso de tramitación- ou se simplemente desexan un certificado de asistencia. Acompañando a estes datos deberán remitir nun arquivo adxunto unha copia do resguardo do ingreso para confirmar a súa inscrición. En canto o recibamos, enviaráselles confirmación da inscrición.

O proceso de selección será por rigorosa orde de inscrición até cubrir as prazas.

No caso daqueles que soliciten o crédito de LC (30 horas) deberán asistir ao 75 % das sesións e, ao finalizar o encontro, presentar aos membros da organización un resumo das comunicacións dalgunha das sesións.

Para máis información non dubiden en contactar connosco en xornadastriada@gmail.com.

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración das

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua