viernes, 8 de abril de 2011

Agradecementos

En nome do Comité Organizador do "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia" e do meu propio (Miguel García-Fernández), redacto estas escasas liñas cun obxectivo ben simple: darvos as grazas a todas (maioría indiscutible) e a todos (minoría que espero que vaia in crescendo) as/os que asististes e apoiastes esta iniciativa.

Antes de nada, pido desculpas polos posibles erros que puidemos cometer na organización das xornadas. Espero que as/os relatores, as/os comunicantes e as/os asistentes sexan benévolas/os connosco e saiban perdoar as faltas. Os nervios non son os mellores compañeiros para comezar novas empresas así que, talvez, as intencións poidan servir de atenuante...

Non é cuestión de reiterar os agradecementos pronunciados na sesión de clausura, pero si quixera insistir na importancia do apoio xa non só institucional, senón tamén -e sobre todo- das persoas (con nomes propios). Grazas. Os vosos nomes figuran nos trípticos... Grazas á vosa desinteresada colaboración e, especialmente, grazas ás vosas palabras de alento, sentímonos profundamente felices e satisfeitos.

Pero non só a eses dirixo o meu agradecemento, tamén llo envío ás nosas familias e aos que asistiron porque o tema lles interesa de verdade. Con estes últimos comparto un camiño que aínda estou comezando a percorrer pero polo que espero transitar durante moito tempo, pensando con seguridade que, ao final do camiño, as rosas vermellas poderán florecer para ledicia da Nai Terra. 

Mil grazas por mimar a esta primeira filla que foi concebida o 15 de abril do 2010. Dende o berce sorrí e, agora, tres días despois de ver as primeiras raiolas do sol, só desexa que a acompañedes mentres crece.

GRAZAS

1 comentario:

  1. O encontro estivo moi ben organizado e todas as intervencións foron produtivas. Unhas xornadas para lembrar. As asistentes somos as que temos que darvos grazas á organización polo esforzo e a valentía de imaxinar algo novo e levalo adiante.

    ResponderEliminar