sábado, 5 de enero de 2013

Un adeus sentido

     Hoxe é un deses días que desexariamos que non existisen. Un día no que as circunstancias obrigan a dicir adeus. 
     Hai pouco máis de 2 anos comezamos unha andadura que nos levou a tres compañeiros e amigos a organizar o Encontro sobre o que fomos informando neste blogue ("As mulleres na Historia de Galicia. I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero"). Como escribimos os tres coordinadores no Limiar das actas que resultaron dese Encontro, a realización desa empresa non tería sido posible sen o apoio de diversas persoas e institucións e nun lugar destacado sinalamos a disposición e amabilidade de María del Carmen Rodríguez González, profesora da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, que foi a responsable académica do Encontro. É dicir, quen nos axudou a converter  o noso pequeno proxecto nunha actividade "universitaria".
     Lamentablemente, MariCarmen acaba de deixarnos. Sen posibilidade dunha despedida, a Facultade na que era vicedecana e o Departamento no que exercía como docente e investigadora quedaron orfos da súa presenza e da súa vitalidade. O retorno post-vacacional será máis duro para todos os seus colegas. Unha ausencia sempre é un baleiro que non pasa desapercibido e este notarase especialmente. Por desgraza, parece custarnos moito recoñecer a importancia das presenzas en vida, é dicir, a importancia dos que están connosco tódolos días e que nos parecen figuras seguras no percorrer das nosas vidas. Mais a vida é fráxil. Moito máis do que pensamos, máis do que nos gustaría. Tristemente, agora a ausencia de MariCarmen é unha realidade.
     Nunha entrada anterior deste blogue demos conta dos seus principais méritos académicos, mais agora quixera destacar brevemente aqueles trazos que a nivel persoal farán que non a esqueza e que forme parte da miña "memoria universitaria" para sempre. Ademais, con estas verbas despido este blogue que comezou con motivo dese Encontro no que MariCarmen estivo presente ao decidir apoiar, unha vez máis, ao alumnado. Sirvan, pois, estas verbas como sentida homenaxe cara ela, unha homenaxe que agardamos que sexa respaldada polos seus compañeiros e amigos e que lle dediquen en breve algúns dos seus traballos. Pois o traballo, a investigación, a historia e máis concretamente o medievalismo foron os nexos que nos achegaron a ela.
    
     MariCarmen chegou á miña vida no segundo curso da Licenciatura. Como responsable do segundo cuadrimestre da materia "Historia Medieval de España", as súas aulas axudáronme a coñecer mellor o pasado da Península Ibérica ao longo da Plena e Baixa Idade Media. Fago memoria e aínda lembro os seus intentos para que foramos participativos na aula... Tamén recordo o seu desexo de que falaramos todos para o que nos pedía a outros que esperaramos a respostar ás súas preguntas a ver se se animaba a participar alguén máis... 
     Lembro, así mesmo, que ese ano veu á Facultade un deses historiadores de referencia que, aínda que non disfrutei do seu Maxisterio persoalmente, é ben admirado por min e mestre dos meus Mestres: o prof. José Ángel García de Cortázar. MariCarmen pediunos que asistiramos á presentación dun libro de conversas con el que acababan de publicar. Consideraba practicamente inaceptable que non asistiramos. Canta razón! Dalgún modo, ela foi a primeira en animarnos a coñecer a persoa e sobre todo a obra de tan insigne medievalista que tan forte pegada deixou nela mesma e nos seus compañeiros da Área de Medieval de Santiago de Compostela. 
     Tamén recordo que grazas a ela entrei en contacto coa obra doutro referente da historiografía medieval española, Francisco Javier Fernández Conde. A súa síntese dos séculos XIV e XV -a segunda edición revisada, tiña que ser esa!!!- era lectura obrigatoria. Sobre esa obra, relativa ás transformacións do feudalismo tardío, debiamos conversar nunha especie de seminario que tiñamos con ela en grupos reducidos. E aínda lembro o produtivo daquela sesión.
     Ah! E como non lembrar as exposicións na aula? Ao meu grupo e a min tocárannos os pogromos antixudaicos e dende aquela a obra de Mitre fica entre os libros da miña estantería. 
     Volvemos a atoparnos nas aulas catro anos despois. Na materia de "Feudalismo, territorio e poder" do Máster en Estudos Medievais Europeos da USC. Unha materia que este ano xa non impartirá pero da que gardaremos memoria os alumnos do ano pasado, o derradeiro para ela. Como esquecer a miña propia coroación? Non deliro, só recordo... MariCarmen impartía unha parte interesantísima da materia, a dedicada ás mulleres aristócratas na Idade Media, que mellor regalo para min tratando sobre ese tema? Sen dúbida, disfruteino. Pero, sendo como era ela, non ía sorprendernos? Claro que si. O último día tiñamos que "facer unha obra de teatro", e aí, como Fernando I, MariCarmen concedeume a coroa do Reino. O que daquela foi unha desconcertante sorpresa, hoxe é unha grata lembranza.
     Pero máis alá das aulas, o despacho e os corredores da Facultade continuaron sendo magníficos espazos nos que coincidir con MariCarmen e intercambiar saúdos. Ela non soamente saudaba, parábase a falar con un. 
    Coincidimos tamén como asistentes no congreso que se celebrou alá polo 2009 en Sahagún sobre "Alfonso VI y su legado". Sen dúbida, ela, estudosa de Jimena Muñiz ( http://gredos.usal.es/jspui/bitstream/10366/69971/1/Concubina_o_esposa_Reflexiones_sobre_la_.pdf) e eu, interesado polo papel e a situación das mulleres na sociedade medieval, compartiamos o interese por esa figura e polo resto das "mulleres de Afonso VI". Tristemente unha desexadísima monografía sobre a nai da se cabe aínda máis fascinante dona Tareixa de Portugal, non verá a luz. Tampouco o farán máis investigacións súas sobre o Bierzo... Aínda lembro que hai uns meses falamos do ben que estaría que publicaran ela e a súa colega e amiga, a profª Mercedes Durany, un volume no que foran recompilados os diversos traballos que teñen sobre a organización social e espacial desa zona. "Tal vez algún día", dixo daquela. 
     Persoa vital, alegre e optimista, de palabra fácil e saúdo efusivo e afectuoso, MariCarmen foi das primeiras en felicitarme pola bolsa de colaboración no departamento de Historia Medieval e Moderna. Ademais, estivo aí durante a maior parte da presentación da miña Memoria de Licenciatura e non dubidou en entrar no momento no que o tribunal me ía dar a cualificación para felicitarme a continuación. Aí estivo. Foi o 2 de novembro, quen nos ía dicir que hoxe chorariamos a súa perda? En dous meses, pasamos da ledicia á tristura. Aínda así, sempre llo agradecerei.
     Resulta triste pensar que MariCarmen xa non estará na lectura da tese que acabo de empezar. Unha tese para a que me animaba a incorporar a práctica testamentaria do Bierzo e do Reino de León para estudar o papel das mulleres. Aínda que finalmente o ámbito galego será o que trate en exclusiva para estudar con exhaustividade a posición das mulleres na sociedade medieval, sempre lembrarei a súa proposta. Quen sabe se algún día alguén ou eu mesmo poidamos establecer as semellanzas e diferenzas das mulleres galegas respecto á experiencia vital das mulleres de espazos máis próximos, como o do Bierzo que ela coñecía tan ben. 
   MariCarmen falábame un día da riqueza da documentación do século XV que ela manexara... nela atopara mil cousas interesantes... Nela aparecía a vida das xentes, a vida das mulleres... Mais, desgraciadamente, xunto á vida aparece a morte...
   Aínda así, fronte á morte-olvido, hoxe toca pensar na morte-memoria... nos recordos.
   Hoxe despedimos a María del Carmen Rodríguez González, medievalista, profesora e decana, pero tamén e sobre todo, persoa de gran calidade humana que estivo aí coas súas palabras e co seu apoio ao longo dos meus anos universitarios. Con tristeza e dende aquí dedícolle un sentido adeus! ATÉ SEMPRE!
     

   

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada