miércoles, 15 de diciembre de 2010

María Jesús Souto Blanco

A Dra. María Jesús Souto Blanco presentará a tódolos asistentes ao "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia" o relatorio "Polo que fixeron e polo que eran. A represión directa e a represión transitiva contra as mulleres na guerra civil”.

MARÍA JESÚS SOUTO BLANCO doutorouse en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940), a primeira realizada en Galicia (1997) sobre o tema da represión franquista. Ademais da súa tese, publicada en 1998, outros traballos seus que xiran en torno ó tema da represión son: Los apoyos al régimen franquista en la provincia de Lugo, (1936-1940): la corrupción y la lucha por el poder (Sada, 1999), así como varios artigos en revistas como "Proceso Vega Barrera", Unión Libre, nº 2, 1997, pp. 197-236 ou "Morir y ser muerto. Estudio de tres casos ejemplares entre los condenados a la pena capital en el primer franquismo", Sémata, nº17, 2006, pp. 473-499. Os seus últimos estudos abordan a represión franquista dende a perspectiva de xénero, destacando: “Consuelo Alonso, unha morte construída”, Unión Libre, nº 11, 2006, pp. 89-104; . “Género y compromiso. Estudio de la represión judicial ejercida sobre la mujer a raíz del estallido de la sublevación militar del 20 de julio de 1936 en Lugo”, Sémata, vol. 20, 2008, pp. 243-266 e “A persecución política da muller. Lucenses detidas no cárcere provincial de Lugo (1936-1940)”, en Emilio Grandío Seoane et alii (co-editores), A patria enteira. Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 343-360, Universidade de Santiago de Compostela, 2008. Así mesmo, ten asistido como ponente a numerosos congresos especializados na Guerra Civil e a represión franquista. Actualmente é profesora no Departamento de Historia Contemporánea e América e coordinadora do Proxecto Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces".

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

jueves, 9 de diciembre de 2010

Guillermina Domínguez Touriño

A profesora Guillermina Domínguez Touriño pechará o "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia" co relatorio “O ensino da Historia desde a perspectiva de xénero no currículo da ESO e do Bacharelato".

GUILLERMINA DOMÍNGUEZ TOURIÑO é Licenciada en Xeografía e Historia, coa especialidade en Historia Medieval, pola Universidade de Santiago de Compostela  e, dende 1982, traballa como profesora de Bacharelato, actualmente no IES San Clemente. Ten participado na elaboración de materiais didácticos para a Consellería de Educación e outras institucións, ademais de colaborar cos Centros de Formación do Profesorado de Santiago, A Coruña, Ourense e Ferrol. É cofundadora do Colectivo María Castaña, adicado expresamente a recuperar a Historia das Mulleres, e ten participado en numerosos cursos, ciclos de conferencias e congresos, así como cursado o POP en Educación, Xénero e Igualdade da USC. Está especializada na investigación de Historia das Mulleres a través dos textos e na Historia de Xénero, contribuíndo a estes ámbitos con diversas publicacións e participacións en obras colectivas: coautora de Materiais didácticos para unha visión non androcéntrica da Historia e da sección de medieval de As mulleres e o traballo (Premios do Ministerio de Educación, 1996), As mulleres na Historia (Xerais, 1997), coautora da sección de medieval de Textos para a Historia das Mulleres en Galicia (Consello da Cultura Galega, 1999) e coautora de Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña (Baía, 2009), entre outras.

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

jueves, 2 de diciembre de 2010

Marta Cendón Fernández

O xoves 7 de abril a Dra. Marta Cendón Fernández presentará ante os asistentes do "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia", o relatorio “A imaxe da muller na arte baixomedieval galega”.

MARTA CENDÓN FERNÁNDEZ é Profesora Titular de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, na que se licenciou en 1989, coa especialidade de Arte Antiga e Medieval. Dous anos máis tarde acadou o grao de licenciada coa súa tesiña Los Sotomayor ante la muerte y su reflejo en el Arte, ss. XIV-XV. Obtivo unha Beca de Formación do Profesorado e Persoal Investigador, do Ministerio de Educación, que lle permitiu realizar a súa tese doutoral Iconografía funeraria del obispo en la Castilla de los Trastámara (cualificada de Apto cum Laude e que a acreditou como Doutorada Europea en 1995), dirixida polo Dr. Núñez Rodríguez. Realizou varias estancias en centros españois (Madrid) e estranxeiros (Estrasburgo, París e Perugia) e ten participado en múltiples simposios nacionais e internacionais. Entre os seus libros destaca La catedral de Tuy en época medieval. Así mesmo ten publicado diversos artigos e capítulos de libros sobre a catedral de Tui, a imaxe da nobreza na Idade Media galega, a escultura funeraria de bispos e outros temas como a idea da morte e aspectos iconográficos vinculados coa natureza, a vida cotiá, a muller e a peregrinación, a haxiografía e as devocións. Entre os seus últimos proxectos de investigación atópanse algúns dirixidos polo profesor Núñez sobre a imaxe dos marxinados e a violencia no medievo ou a lexitimación do poder, correntes relixiosas e prácticas de piedade na Coroa de Castela, dirixido por Isabel Beceiro. Na súa actividade docente destaca a coordinación do doutorado con mención de calidade: “A Idade Media. Imaxes, textos e contextos”, agora un Máster adaptado ó EEES.

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade