miércoles, 15 de diciembre de 2010

María Jesús Souto Blanco

A Dra. María Jesús Souto Blanco presentará a tódolos asistentes ao "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia" o relatorio "Polo que fixeron e polo que eran. A represión directa e a represión transitiva contra as mulleres na guerra civil”.

MARÍA JESÚS SOUTO BLANCO doutorouse en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940), a primeira realizada en Galicia (1997) sobre o tema da represión franquista. Ademais da súa tese, publicada en 1998, outros traballos seus que xiran en torno ó tema da represión son: Los apoyos al régimen franquista en la provincia de Lugo, (1936-1940): la corrupción y la lucha por el poder (Sada, 1999), así como varios artigos en revistas como "Proceso Vega Barrera", Unión Libre, nº 2, 1997, pp. 197-236 ou "Morir y ser muerto. Estudio de tres casos ejemplares entre los condenados a la pena capital en el primer franquismo", Sémata, nº17, 2006, pp. 473-499. Os seus últimos estudos abordan a represión franquista dende a perspectiva de xénero, destacando: “Consuelo Alonso, unha morte construída”, Unión Libre, nº 11, 2006, pp. 89-104; . “Género y compromiso. Estudio de la represión judicial ejercida sobre la mujer a raíz del estallido de la sublevación militar del 20 de julio de 1936 en Lugo”, Sémata, vol. 20, 2008, pp. 243-266 e “A persecución política da muller. Lucenses detidas no cárcere provincial de Lugo (1936-1940)”, en Emilio Grandío Seoane et alii (co-editores), A patria enteira. Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 343-360, Universidade de Santiago de Compostela, 2008. Así mesmo, ten asistido como ponente a numerosos congresos especializados na Guerra Civil e a represión franquista. Actualmente é profesora no Departamento de Historia Contemporánea e América e coordinadora do Proxecto Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces".

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

jueves, 9 de diciembre de 2010

Guillermina Domínguez Touriño

A profesora Guillermina Domínguez Touriño pechará o "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia" co relatorio “O ensino da Historia desde a perspectiva de xénero no currículo da ESO e do Bacharelato".

GUILLERMINA DOMÍNGUEZ TOURIÑO é Licenciada en Xeografía e Historia, coa especialidade en Historia Medieval, pola Universidade de Santiago de Compostela  e, dende 1982, traballa como profesora de Bacharelato, actualmente no IES San Clemente. Ten participado na elaboración de materiais didácticos para a Consellería de Educación e outras institucións, ademais de colaborar cos Centros de Formación do Profesorado de Santiago, A Coruña, Ourense e Ferrol. É cofundadora do Colectivo María Castaña, adicado expresamente a recuperar a Historia das Mulleres, e ten participado en numerosos cursos, ciclos de conferencias e congresos, así como cursado o POP en Educación, Xénero e Igualdade da USC. Está especializada na investigación de Historia das Mulleres a través dos textos e na Historia de Xénero, contribuíndo a estes ámbitos con diversas publicacións e participacións en obras colectivas: coautora de Materiais didácticos para unha visión non androcéntrica da Historia e da sección de medieval de As mulleres e o traballo (Premios do Ministerio de Educación, 1996), As mulleres na Historia (Xerais, 1997), coautora da sección de medieval de Textos para a Historia das Mulleres en Galicia (Consello da Cultura Galega, 1999) e coautora de Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña (Baía, 2009), entre outras.

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

jueves, 2 de diciembre de 2010

Marta Cendón Fernández

O xoves 7 de abril a Dra. Marta Cendón Fernández presentará ante os asistentes do "I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia", o relatorio “A imaxe da muller na arte baixomedieval galega”.

MARTA CENDÓN FERNÁNDEZ é Profesora Titular de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, na que se licenciou en 1989, coa especialidade de Arte Antiga e Medieval. Dous anos máis tarde acadou o grao de licenciada coa súa tesiña Los Sotomayor ante la muerte y su reflejo en el Arte, ss. XIV-XV. Obtivo unha Beca de Formación do Profesorado e Persoal Investigador, do Ministerio de Educación, que lle permitiu realizar a súa tese doutoral Iconografía funeraria del obispo en la Castilla de los Trastámara (cualificada de Apto cum Laude e que a acreditou como Doutorada Europea en 1995), dirixida polo Dr. Núñez Rodríguez. Realizou varias estancias en centros españois (Madrid) e estranxeiros (Estrasburgo, París e Perugia) e ten participado en múltiples simposios nacionais e internacionais. Entre os seus libros destaca La catedral de Tuy en época medieval. Así mesmo ten publicado diversos artigos e capítulos de libros sobre a catedral de Tui, a imaxe da nobreza na Idade Media galega, a escultura funeraria de bispos e outros temas como a idea da morte e aspectos iconográficos vinculados coa natureza, a vida cotiá, a muller e a peregrinación, a haxiografía e as devocións. Entre os seus últimos proxectos de investigación atópanse algúns dirixidos polo profesor Núñez sobre a imaxe dos marxinados e a violencia no medievo ou a lexitimación do poder, correntes relixiosas e prácticas de piedade na Coroa de Castela, dirixido por Isabel Beceiro. Na súa actividade docente destaca a coordinación do doutorado con mención de calidade: “A Idade Media. Imaxes, textos e contextos”, agora un Máster adaptado ó EEES.

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

sábado, 27 de noviembre de 2010

Fátima Díez Platas

A Dra. Fátima Díez Platas presentará o relatorio “Retratos de grupo: a representación dos grupos femininos na cerámica grega” no I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero; trátase dunha boa mostra de como dende Galicia se pode contribuír ao conxunto de estudos de xénero, sen limitarnos aos ámbitos territoriais máis próximos.
.
FÁTIMA DÍEZ PLATAS é Licenciada en Historia Antiga e en Filoloxía Clásica pola Universidade Complutense de Madrid. Doutorouse en Clásicas na mesma universidade coa tese Las Ninfas en la literatura y en el arte de la Grecia arcaica pola que obtivo a máxima cualificación. Ampliou a súa formación investigadora na Universidade de Harvard (Cambridge, Massachusetts) no departamento de Estudos Clásicos. Dende 1998 é Profesora Contratada Doutora no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaboradora do equipo español de redacción do Lexicon Iconographicum Mythologiae Classicae e consultora do proxecto Perseus, a enciclopedia dixital multimedia sobre o mundo grego das universidades de Harvard e Yale. Dende 2003 dirixe sucesivos proxectos de investigación sobre a ilustración das obras de Ovidio. Entre as súas publicacións destacan os libros Imágenes para un texto. Guía Iconográfica de las ‘Metamorfosis’ de Ovidio (Santiago de Compostela, 2000) e Lecturas del mito griego (Madrid, 2002), en colaboración con J. C. Bermejo, así como numerosos artigos sobre iconografía, mitoloxía grega e as edicións ilustradas das Metamorfoses.

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da:

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade


martes, 23 de noviembre de 2010

Eva Castro Caridad

A Dra. Eva Castro Caridad asistirá ao I Congreso Interdisciplinar de Historia de Xénero co relatorio "Literatura latina feminina".

EVA CASTRO CARIDAD licenciouse en Filoloxía Clásica pola USC en 1982 (Premio Extraordinario de Licenciatura, 1984). Así mesmo, acadou o grao de Doutora en 1989 (Premio Extraordinario de Doutoramento, 1990) coa tese Estudios literarios sobre los troparios hispánicos dirixida por Manuel C. Díaz y Díaz e, dende o ano 2002, é Catedrática de Filoloxía Latina na mesma universidade. Foi Profesora Axudante na Universidade de Valladolid (1982-1984) e realizou varias estancias de longa duración en universidades estranxeiras como a de Estocolmo (Suecia), Cambridge (Gran Bretaña) e British Columbia (Canadá). É membro do “Seminario Muller-Universidade” da USC dende a súa fundación no 2002 e, actualmente, desempeña o cargo de Vicerreitora de Estudos de Grao e Posgrao. 
As súas principais liñas de investigación son tres: 1.- Filoloxía latina medieval (Crítica textual); 2.- Dramas latinos medievais (dramas litúrxicos, dramas escolares, teatro, Biblia) e 3.- Poesía latina medieval: himnodia, poesía litúrxica, prosas, tropos, poesía rítmica, códices litúrxicos, etc. Ten publicado diversos artigos e capítulos de libros e, entre as súas últimas obras, destacan Dramas escolares latinos, siglos XII-XIII (Madrid, 2001) e A comedia do Gurgullo de Plauto (estudo crítico de Teresa Amado e Eva Castro, Santiago, 2003).

O Comité Organizador:
A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández
Coa colaboración da
Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

jueves, 18 de noviembre de 2010

Mª Gloria de Antonio Rubio

A Dra. María Gloria de Antonio Rubio asistirá ao I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia co relatorio “A Historia das Mulleres dende o IEGPS: proxectos e resultados. O caso das mulleres xudías medievais”. A súa intervención ten por obxectivos dar a coñecer a actividade investigadora que está desenvolvendo na actualidade o Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento" sobre a historia das mulleres e profundar no coñecemento histórico sobre as mulleres xudías medievais.

MARÍA GLORIA DE ANTONIO RUBIO doutorouse en Xeografía e Historia pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) coa tese Las comunidades judías en Galicia, siglos XI-XV. Na actualidade, é Axudante de Investigación no Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento” (CSIC-Xunta de Galicia). Ten participado en varios congresos nacionais e internacionais e é autora de máis de 20 artigos, publicados no ámbito galego, español e internacional. Así mesmo, é autora de obras como: Os xudeus en Galicia (Santiago de Compostela, 2004), Los judíos de Ribadavia. La judería de Ribadavia y sus personajes en los siglos XIV-XV (Santiago de Compostela, 2004), Los judíos en Galicia. 1044-1492 (Premio Samuel Toledano, Xerusalén, 2008, publicado pola Fundación Barrié de la Maza no 2006) e Judíos e Inquisición en Ribadavia (Ribadavia, 2009). Ademais, ten participado en varios proxectos de investigación como o Diccionario biográfico de la Galicia de los Trastámara (1369-1480) (Fundación Barrié de la Maza); o Diccionario histórico dos camiños de Santiago na Galiza (Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Xunta de Galicia); Mulleres con poder ao final da Idade Media: Colección de Documentos (Secretaría Xeral de Igualdade, Xunta de Galicia); Linaje, parentela y poder: la pirámide nobiliaria gallega (siglos XIII al XV) (I) (MICIIN) e Cuius Regio. An analysis of the cohesive and disruptive forces destining the attachment of groups of persons to and the cohesion within regions as a historical phenomenon (CURE), (European Science Foundation). 

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

miércoles, 17 de noviembre de 2010

Mar Llinares García

A Dra. Mar Llinares García, quen foi a primeira decana da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, presentará o relatorio “Mulleres na Prehistoria, entre realidade e mito” nas xornadas que estamos a organizar para os días 6, 7 e 8 de abril do 2011.

MAR LLINARES GARCÍA é licenciada e doutora en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. É especialista en mitoloxía popular galega e, actualmente, traballa en cuestións relacionadas coa teoría arqueolóxica. Ten publicados catro libros: Mouros, ánimas, demonios. El imaginario popular gallego, Madrid, 1990; Os mouros no imaxinario popular galego, Santiago de Compostela, 1990, O valor da arqueoloxía (xunto con X. C. Bermejo Barrera), Santiago de Compostela, 2006 e, recentemente, Historia das mulleres en Galicia. Prehistoria. Historia Antiga, Santiago de Compostela, 2011. Ademais, ten en prensa na Editorial Nigratrea un volume sobre as mulleres na Prehistoria e a Historia Antiga de Galicia. Tamén ten publicados numerosos artigos, entre os que cómpre destacar os relacionados co tema deste Encontro: “Introducción” e traducción en J.J. Bachofen, El matriarcado, Madrid, 1987, pp. 5-14; “Antropoloxía e muller en Galicia: balance provisorio e perspectivas de futuro”, en X. Castro e X. De Juana (dirs.), IX Xornadas de Historia de Galicia. A muller na Historia de Galicia, Ourense, 1995, pp. 7-21; “Aspectos antropológicos del rol de la mujer en la cultura popular gallega”, en R. R. Philipp e Mª C. García Negro, (eds.), As mulleres e os cambios sociais e económicos, Santiago de Compostela, 1995, pp. 97-112; “Textos para la historia de las mujeres en Galicia. Edad Antigua” (en col.), en Mª X. Rodríguez Galdo (coord.), Textos para a historia das mulleres en Galicia, Santiago de Compostela, 1999 e "A muller no fantástico popular galego", en C. A. González Paz (ed.), As voces de Clío: a palabra e a memoria da muller na Galicia, Santiago de Compostela, 2009, pp. 51-64.

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade


miércoles, 10 de noviembre de 2010

Pilar Lorenzo Gradín

A Dra. Pilar Lorenzo asistirá ao I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia co relatorio "Mulleres e trobadorismo"

PILAR LORENZO GRADÍN é Catedrática de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. Durante os anos 2004-2007 coordinou o Programa de Doutoramento da USC A Idade Media. Imaxes, Textos e Contextos e, de 2008 a 2010, o Máster oficial  de Estudios medievais europeos. Así mesmo, dende o 2001, é responsable pola USC do Doutoramento europeo en ‘Filoloxía Románica’, no que ademais participan as Universidades de Milán, Pavía, Siena, París-Sorbonne e Zürich; e, dende 1996, dirixe no Centro ‘Ramón Piñeiro’ para a Investigación en Humanidades o Proxecto Prosa literaria galega medieval. As súas investigacións afrontan, dende una perspectiva comparada, problemas relativos aos ámbitos filolóxico e literario. Ten publicado diversos traballos dedicados á demarcación dos xéneros líricos na Idade Media, ao cultivo da coñecida “canción de muller” nas tradicións europeas, á recepción dos modelos literarios franceses e provenzais na lírica galego-portuguesa ou á adaptación da “materia de Bretaña” no occidente peninsular. Así mesmo, adicou unha parte das súas achegas tanto á edición de cantigas trobadorescas como á de textos prosísticos galegos. Entre as súas publicacións, destacan as seguintes monografías: La canción de mujer en la lírica medieval (Santiago de Compostela, 1990), A cantiga de amigo (en coautoría con M. Brea, Vigo, 1998), Livro de Tristán e Livro de Merlín (coordinado con J. A. Souto, Santiago de Compostela, 2001), A literatura artúrica en Galicia e Portugal na Idade Media (con S. Gutiérrez, Santiago de Compostela, 2001), Los caminos del personaje en la narrativa medieval (ed., Florencia, 2006), e Don Afonso López de Baian. Cantigas (ed. Alessandria-Italia, 2008).

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

sábado, 6 de noviembre de 2010

María Xosé Agra Romero

Neste achegamento interdisciplinar ás mulleres na historia de Galicia, tamén contaremos coa presenza da Dra. María Xosé Agra Romero, quen presentará o relatorio "Señores da terra e donas de seu: un achegamento ao feminismo galego”.

MARÍA XOSÉ AGRA ROMERO é catedrática de Filosofía Política na Universidade de Santiago de Compostela e forma parte do CIFEX da USC, sendo tamén coordinadora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Desenvolve a súa actividade investigadora en torno ás concepcións da xustiza social e política e a teoría crítica feminista, temas sobre os que ten dirixido diversas teses de doutoramento e proxectos de investigación. Ademais dos seus estudos sobre a teoría da xustiza de J. Rawls, conta cunha ampla produción bibliográfica na que podemos destacar algunhas das súas contribucións máis recentes: “Martha C. Nussbaum” en Mª J. Guerra/ A. Hardison (eds.) 20 pensadoras del siglo XX, (Oviedo, 2006); “Cultura, diversidad cultural y política: apuntes para una reflexión feminista” en C. Amorós/L. Posada (eds.) Multiculturalismo y Feminismo, (Madrid, 2007); “Feminismo” en Diccionario Enciclopedia do pensamento galego (Vigo, 2008); “Capacidades humanas e igualdad de las mujeres” en A. H. Puleo (ed.) El reto de la igualdad de género. Nuevas perspectivas en Ética y filosofía política, (Madrid, 2008); “La justicia social y política” en F. Quesada (ed.) Ciudad y ciudadanía. Senderos contemporáneos de la filosofía política, (Madrid, 2008); “Ciudadanía ¿un asunto de familia?, Isegoría, 38 (2008) ou “Martha C. Nussbaum: Liberalismo político de las capacidades” en R. Maiz (Ed.): Teorías políticas contemporáneas (Valencia, 2009).

O Comité Organizador:

A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

viernes, 5 de noviembre de 2010

Ofelia Rey Castelao

Neste I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia contaremos coa participación da Catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, Ofelia Rey Castelao. O seu relatorio levará por título “As mulleres na Galicia moderna: o que sabemos e o que non sabemos delas"

OFELIA REY CASTELAO é licenciada (1978) e doutora (1984) en Xeografía e Historia, con premio extraordinario, na Universidade de Santiago, á que se incorporou como profesora en 1978; é catedrática de Historia Moderna nesa Universidade. Ten sido coordinadora de Historia e Arte da Axencia Nacional de Evaluación e Prospectiva e, dende 2005, representa ao Mediterráneo occidental na Commission Internationale de Démographie Historique. Foi directora de estudios na École des Hautes Etudes en Sciences Sociales de París, directora da revista Obradoiro de Historia Moderna e de trece proxectos de investigación, dos que cinco son internacionais. É autora de doce libros, de máis de cen artículos e capítulos de libros, moitos deles publicados en medios internacionais. A súa traxectoria investigadora ten unha faceta sobre poboación, sociedade e economía rurais e outra sobre historia cultural centrada nos problemas de transmisión cultural en territorios periféricos. Ten dirixido teses sobre as mulleres na Galicia moderna e as súas publicacións sobre as mulleres na Idade Moderna téñense difundido en revistas e libros publicados en Portugal, Francia, Bélxica, Suíza, Italia, etc. O seu libro máis recente, escrito con Serrana Rial, é Historia de las mujeres en Galicia. Siglos XVI-XIX, Vigo, 2009.

Nos próximos días iremos publicando información sobre as/os restantes relatoras/es que acudirán ao encontro.

O Comité Organizador

Aurora Ballesteros Fernández, Silvia Cernadas Martínez e Miguel García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

miércoles, 3 de noviembre de 2010

Inscrición no I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero

Xa está aberto o prazo de inscrición no I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As Mulleres na Historia de Galicia (6, 7 e 8 de abril do 2011).

O custe da inscrición será de 10 €, que deberán ser ingresados antes do 30 de marzo no número de conta 0049 2584 90 2214002210 (Banco Santander). É fundamental que se poña como "Concepto": I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero e os seus datos persoais (apelidos, nome e DNI.)

Posteriormente deberán remitir un correo electrónico a xornadastriada@gmail.com indicando os seus apelidos, nome, DNI, licenciatura que estuda (imprescindible para a xestión do crédito) ou traballo que desempeña, se solicitan Crédito de Libre Configuración ou Horas de Formación do Profesorado -en proceso de tramitación- ou se simplemente desexan un certificado de asistencia. Acompañando a estes datos deberán remitir nun arquivo adxunto unha copia do resguardo do ingreso para confirmar a súa inscrición. En canto o recibamos, enviaráselles confirmación da inscrición.

O proceso de selección será por rigorosa orde de inscrición até cubri as prazas.

No caso daqueles que soliciten o crédito de LC (30 horas) deberán asistir ao 75 % das sesións e, ao finalizar o encontro, presentar aos membros da organización un resumo das comunicacións dalgunha das sesións.

Para máis información non dubiden en contactar connosco en xornadastriada@gmail.com.

O Comité Organizador:

Silvia Cernadas Martínez, Miguel García-Fernández e Aurora Ballesteros Fernández

Coa colaboración das

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua



lunes, 25 de octubre de 2010

Call for Papers. I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia

Ábrese o período para enviar comunicacións ao I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia.

Até o 31 de xaneiro do 2011, quen estea interesada/o poderá remitir, ao correo abaixo sinalado, un resumo das comunicacións que desexen presentar, cunha extensión que non excederá dunha páxina a interlineado 1'5. De entre as presentadas, o Comité Organizador procederá a unha selección das mesmas en función da súa calidade e adecuación á temática do Encontro.

Poderán presentarse tódalas persoas interesadas e pertencentes a diversas áreas de investigación: Historia, Arte, Literatura, Filosofía, Educación, Antropoloxía, etc.

A exposición pública das comunicacións terá lugar durante as diferentes sesións das xornadas (6, 7 e 8 de abril do 2011) e non deberá exceder dos 10 minutos por comunicación. Posteriormente, serán publicadas nas actas do Congreso

Convidámolos a participar neste proxecto e quedamos á súa disposición.

Dirección de contacto: xornadastriada@gmail.com

O Comité Organizador:

Aurora Ballesteros Fernández, Silvia Cernadas Martínez e Miguel García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

jueves, 21 de octubre de 2010

I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero: As mulleres na Historia de Galicia

Os días 6, 7 e 8 de abril do 2011 celebrarase en Santiago de Compostela o I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero: As mulleres na Historia de Galicia.

Coa pretensión de achegar ao conxunto de asistentes un estado da cuestión sobre as investigacións que se teñen desenvolvido en Galicia sobre a Historia das mulleres e do xénero, os organizadores convidámolos a asistir a este encontro no que participarán algunhas especialistas no tema como as catedráticas da USC Ofelia Rey Castelao e María Xosé Agra Romero, así como outros destacados respresentantes do panorama investigador galego como as Dras. Marta Cendón Fernández, Mª Gloria de Antonio Rubio, Ana María Suárez Piñeiro ou a profesora Guillermina Domínguez Touriño, entre outros.

Nos próximos días iremos informando en detalle sobre a celebración destas xornadas: relatoras e relatores, tramitación do crédito de libre elección para estudantes da USC e outras novidades.

O Comité Organizador:

Aurora Ballesteros Fernández, Silvia Cernadas Martínez e Miguel García-Fernández

Coa colaboración da

Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade