Quixera recuperar a voz deste blogue comunicando a boa nova da publicación das actas do I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia. Lamentablemente, adiántome uns días a este feliz acontecemento para falar de despedidas.
Acabamos de perder, con poucos días de diferenza, a dúas investigadoras que contribuíron cos seus traballos a enriquecer a historia das mulleres e do xénero e, polo tanto, a dar voz ás mulleres da nosa Historia. Falo da medievalista María Teresa López Beltrán e da modernista Serrana M. Rial García. Tanto a primeira, dende a Universidade de Málaga, como a segunda, vinculada á Universidade de Santiago de Compostela, onde realizou a súa tese de doutoramento (Mujer y actividad económica en la Galicia moderna: la inserción de las mujeres en la producción económica rural y urbana), deixan un importante legado historiográfico que constituirá para sempre unha referencia fundamental para calquera persoa interesada en coñecer mellor a situación das mulleres baixomedievais e do período moderno.
Apenas hai un ano que tivemos o pracer de coñecer a ambas, a unha en Lorca e á outra en Ferrol. Porén, está claro que, tanto antes coma despois, os seus estudos foron e seguirán sendo parte importante das lecturas que conforman a nosa biblioteca persoal e que nos axudan a asentar a nosa formación como historiadores, como investigadores da historia das mulleres e, sobre todo, como persoas.
Sen dúbida, lamentamos esta perda. Mais aproveitamos a ocasión para animar a que a xente lea as súas obras, xa que con este feito colaboraremos tod@s na conservación da súa memoria. E, por suposto, queda esperanza para o futuro, xa que sobre a solidez destas bases poderemos edificar un maior e mellor coñecemento sobre as mulleres da nosa Historia.
Grazas e até sempre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario