A Dra. Pilar Lorenzo asistirá ao I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. As mulleres na Historia de Galicia co relatorio "Mulleres e trobadorismo".
PILAR LORENZO GRADÍN é Catedrática de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. Durante os anos 2004-2007 coordinou o Programa de Doutoramento da USC A Idade Media. Imaxes, Textos e Contextos e, de 2008 a 2010, o Máster oficial de Estudios medievais europeos. Así mesmo, dende o 2001, é responsable pola USC do Doutoramento europeo en ‘Filoloxía Románica’, no que ademais participan as Universidades de Milán, Pavía, Siena, París-Sorbonne e Zürich; e, dende 1996, dirixe no Centro ‘Ramón Piñeiro’ para a Investigación en Humanidades o Proxecto Prosa literaria galega medieval. As súas investigacións afrontan, dende una perspectiva comparada, problemas relativos aos ámbitos filolóxico e literario. Ten publicado diversos traballos dedicados á demarcación dos xéneros líricos na Idade Media, ao cultivo da coñecida “canción de muller” nas tradicións europeas, á recepción dos modelos literarios franceses e provenzais na lírica galego-portuguesa ou á adaptación da “materia de Bretaña” no occidente peninsular. Así mesmo, adicou unha parte das súas achegas tanto á edición de cantigas trobadorescas como á de textos prosísticos galegos. Entre as súas publicacións, destacan as seguintes monografías: La canción de mujer en la lírica medieval (Santiago de Compostela, 1990), A cantiga de amigo (en coautoría con M. Brea, Vigo, 1998), Livro de Tristán e Livro de Merlín (coordinado con J. A. Souto, Santiago de Compostela, 2001), A literatura artúrica en Galicia e Portugal na Idade Media (con S. Gutiérrez, Santiago de Compostela, 2001), Los caminos del personaje en la narrativa medieval (ed., Florencia, 2006), e Don Afonso López de Baian. Cantigas (ed. Alessandria-Italia, 2008).
O Comité Organizador:
A. Ballesteros Fernández, S. Cernadas Martínez e M. García-Fernández
Coa colaboración da
Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade
No hay comentarios:
Publicar un comentario